“Ubasute. É a palabra xaponesa para o abandono dunha vella”
Ubasute de Paula Carballeira é o primeiro achegamento ao teatro radiofónico da Radio Rochoteca. A peza trata do abandono, a culpa e os recordos que, xunto coa poesía, son capaces de achegarnos ás pantasmas dos nosos devanceiros. Foi escollida polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega da EOI de Lugo nun curso no que estamos a traballar coa poesía e a música no proxecto de innovación da lingua galega “Música e poesía: movendo a lingua”, proxecto conxunto da EOI e o CMUS Xoán Montes. As voces son as de Carmen (Muller), Roberto (Home), Loida (Avoa) e Esther (acotacións), alumnado de diversas linguas da EOI. Na escolla da música que acompaña á peza teatral contamos co asesoramento da propia autora e, seguindo as súas suxestións, José R. Saborido, profesor e coordinador do EDLG do conservatorio de música, procurou as seguintes pezas: “Carallada” de Pablo del Valle, “Armenia” do álbum Pangea de Abraham Cupeiro, as Danzas rumanas nº 4 e nº 5 de Bartók interpretadas por Abraham Cupeiro e contidas no seu álbum Os Sons Esquecidos.
Grazas a todas as persoas que participastes neste podcast. A Noemí, Pilar e Carme por animar ao alumnado a participar nesta actividade. A Abraham Cupeiro e Pablo del Valle por permitirnos usar a súa música. E un moi especial agradecemento a Paula Carballeira polo seu asesoramento e facilidades para levar a cabo este traballo.